Mostrando entradas con la etiqueta Actividades varias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Actividades varias. Mostrar todas las entradas

24/2/19

Día de Rosalía

O pasado venres, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso Centro organizoou a celebración do Día de Rosalía, e decidiu que unha das actividades tivese lugar na nosa Biblioteca.

Dúas rapazas de 1º BAC, Maruxa Formoso e Lara Reimúndez, interpretaron unha versión musical do poema "Adiós ríos, adiós fontes" (número 15 de Cantares gallegos).

Aquí deixamos un pequeno vídeo como testemuña da actividade.

23/5/18

Outro moble novo

Debido ó incremento de fondos que vimos experimentando nos últimos cursos, maiormente neste que está a piques de rematar e mais o anterior, decidimos instalar un novo andel baixo.

Nel expoñeranse as recomendacións da Biblioteca, as dos Departamentos, a maior parte da sección dedicada ó cómic, e tamén as obras de lectura obrigada nas diferentes materias. Pensamos que a súa situación, preto do centro da sala e a carón do espazo de lectura informal, favorece o acceso dos fondos nel albergados, que son os de máis uso.

Esperamos que vos guste e, sobre todo, que vos atraia



5/3/18

8 de marzo

O vindeiro xoves é día 8 de marzo, unha data sinalada no calendario como propicia para reivindicar o papel das mulleres na sociedade, que dista aínda moito de ser recoñecido ó mesmo nivel que os dos homes.

Con tal motivo, na nosa Biblioteca dedicaremos o día a unha actividade relacionada con esta celebración.

Durante toda a mañá faremos lecturas públicas extraídas dos cómics Valerosas 1 e Valerosas 2,  de Pénélope Bagieu. Como complemento ás lecturas haberá comentarios e debates abertos aos asistentes que queiran participar.


21/2/18

Día de Rosalía

Na Biblioteca sumámonos gustosos á iniciativa do Departamento de Lingua e Literatura Galegas e máis do Equipo de Dinamización da Lingua Galega de participar na convocatoria da AELG para conmemorar, o próximo venres día 23 (o 24 é o día propio, pero non é lectivo), o Día de Rosalía.

Con tal motivo, ese venres, no 1º recreo, representantes do alumnado lerán o manifesto elaborado pola devandita AELG.


21/1/18

Falando co clima: Entrevista ó clima tropical

O pasado venres día 19, Marta e Andrea, dúas alumnas de 1º ESO, realizaron na nosa Biblioteca unha pequena dramatización: unha entrevista ó clima tropical.

Estas dúas rapazas elaboraron un traballo sobre o devandito clima dentro dunha actividade proposta dentro da materia de Ciencias Sociais polo seu profesor, Ramón X. Beltrán Carballeira.

Os traballos de Marta e Andrea, xunto cunha selección dos elaborados polo resto do alumnado de Sociais de 1º ESO están expostos nun dos corredores do primeiro andar do noso Centro.

Aquí deixamos o video que rexistramos con ocasión da actividade:




17/1/18

Préstamo interbibliotecario

Poñemos en marcha con ilusión unha nova iniciativa: o préstamo interbibliotecario.

En colaboración co IES Lamas de Castelo (Carnota), iremos poñendo con certa periodicidade (só para lectura en sala) libros a disposición dos usuarios. Do mesmo xeito, e coas mesmas condicións, da nosa Biblioteca tamén sairán libros para Carnota.

Esperamos que o público lector das dúas Bibliotecas aproveite esta posibilidade


28/11/17

A Táboa Periódica dos Elementos en imaxes e palabras

A piques de rematar este mes de novembro, deixamos aquí unha contribución da nosa Biblioteca á divulgación científica.

Recollendo unha idea que leva xa algúns anos circulando pola rede, ocorréusenos elaborar unha Táboa Periódica dos Elementos que, a través de imaxes e palabras, informe da presenza dos elementos químicos na nosa vida cotiá.

Aquí a deixamos, para que dispoña dela libremente quen así o desexe (aconsellamos descargar o arquivo pdf, que ten a resolución axeitada para que a impresión en papel, e ademais contén os créditos das imaxes empregadas).



21/11/17

Un traballo elaborado na nosa Biblioteca nas VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Os vindeiros 2 e 3 de decembro celébranse en Santiago de Compostela as VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Durante eses dous días, os asistentes entran en contacto con docentes relacionados co traballo de Bibliotecas de toda Galicia para compartir experiencias.

Nesta ocasión foi seleccionado para ser exposto o proxecto "Atrevéndonos a valorar o valioso", levado a cabo, nunha modalidade interdisciplinar e intercentros, no noso IES e máis nos CEIPs Pepe de Xan Baña (Santa Comba) e Felipe de Castro (Noia).



A parte do noso centro foi coordinada polo profesor Xosé Cabido Pérez, dentro da materia de Valores Éticos de 3º ESO.

Durante a elaboración do traballo empregáronse os recursos da Biblioteca do Centro, e o resultado materializouse en varios videos e un libro-compilación de todos os labores realizados. Tamén levaron adiante, a xeito de diario de travesía, un blog, do que deixamos aquí a ligazón.

Desde o Equipo de Biblioteca queremos facer chegar os nosos parabéns ó profesorado e alumnado implicados, e aproveitamos para lembrar que esta é a segunda vez que un proxecto levado a cabo no ámbito da Biblioteca do Centro é seleccionado para a súa exposición pública no ámbito das Bibliotecas Escolares, logo de que no ano 2011 fósemos ós Encontros de Bibliotecas Escolares a falar dunha exposición temática que, en colaboración co alumnado, fixeramos sobre o mundo do manga.

17/10/17

Moble novo

Desde principio de curso contamos cun moble novo: un andel alto onde colocamos algúns fondos que consideramos especiais polo seu formato. Nos máis de 30 anos de vida do Centro, a Biblioteca foi acumulando algunha que outra xoia.


Convidámosvos a botarlle unha ollada, pois nel hai materiais que suscitan a curiosidade.

19/4/17

"Vídenos ler!"

O mes de abril está, por tradición, moi relacionado co libro.

Hai varias semanas, no Equipo de Biblioteca tivemos a idea de elaborar unha pequena curtametraxe (ou "nanometraxe", por analoxía cos "nanocontos") para promocionar a lectura e lembrar que nas bibliotecas hai libros a eito que só están a agardar por lectores interesados.

Como xa é abril, aquí deixamos, como homenaxe ó libro, o resultado desa idea, que puxemos en práctica con non moitos recursos técnicos, algo de imaxinación e, iso si, moita ilusión.


26/9/16

Inicio do Curso 2016-17

Outro curso máis, coa sa intención de ofrecer un servizo axeitado, aquí estamos.

A nosa Biblioteca segue a ofrecer, na medida das súas posibilidades, recursos para todos os colectivos que integran a Comunidade Educativa do IES Fontexería.

- Un espazo dotado de varios puntos con acceso a internet (catro ordenadores de sobremesa, un portátil e dúas tablets), incluíndo un emisor wi-fi.

- Proxector e equipo de son 5.1.

- Disco duro externo activo de 1 TB.

- Dous lectores de libros electrónicos.

- Mesas para traballo en grupo e individual, con diferentes graos de aillamento a elección do usuario.

- Uns fondos que acollen máis de 15.000 títulos (libros e material audiovisual en formato dixital), entre os que se cobren moitos campos do saber humano. Case todos eles son susceptibles de ser emprestados (ata 3 títulos á vez durante 15 días). O préstamo está dispoñible para alumnos, profesores e familias.

- Un apartado na Aula Virtual do Centro no que se deposita todo o material que a Biblioteca difunde (ben elaborado pola propia Biblioteca, ben por outros Departamentos Didácticos). Serve tamén como memoria das actividades que se realizan nela.

En suma: un espazo abondo equipado para desenvolver labores lectivas, preparar traballos ou, simplemente, ter uns momentos de lecer repousado.

Ó voso servizo.




26/4/16

We Celebrate Shakespeare

O vindeiro martes, no 2º recreo, e a proposta do Departamento de Inglés, parte do alumnado de 4º ESO vai realizar na nosa Biblioteca unha exposición divulgativa sobre a figura de William Shakespeare. Como seguramente xa sabedes, estes días está a conmemorarse o 400º aniversario da súa morte (xunto co da de Miguel de Cervantes).

Everybody is welcome!

17/3/16

Entrega de agasallos do Concurso de Cartas de Amor e Amizade (EDNL) (II)


Tal como dixemos, velaquí deixamos a carta gañadora do Concurso de Cartas de Amor e Amizade, organizado polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística.

A autora, como mencionamos na entrada anterior deste blog, é Marta León.

Querido eu:
Hai tempo que non sentamos a falar un a carón do outro: corpo e conciencia, dúas partes esenciais dun mesmo ser. Hai tempo que tratas de vivir sen min como se iso non implicase perderte a ti mesmo, por que?
Por que choras? Que te aflixe?
Ás veces sinto o teu medo e a túa dor mentres deslizas o coitelo sobre a pel. Coma un neno pequeno busca a protección da súa nai, ti, vello amigo, acodes ó breve alivio que che proporciona o filo. Pechas os ollos e foxes instantaneamente da realidade, mais os choros da túa nai, implorándote que vaias comer dende o outro lado da porta, devólvente aquí e agora.
Onde quedou aquel rapaz feliz, sempre capaz de facer fronte ás adversidades e que adicaba a súa vida a axudar aos demais por velos tamén sorrir? Que foi del? A túa familia estraña esas apertas sen motivo, aquelas cálidas e longas conversas onde o tempo semellaba deterse.
Recordas que día é hoxe?
Din que é o día dos namorados, o día do amor.
Canto hai que non te dás amor?
Érguete, veña, é hora. É hora de que comeces a aceptarte, de que mostres a túa fortaleza ó mundo. Érguete, hoxe é o día de saír da penumbra e volver en ti.
Mírate ó espello: velos cortes? Ves ese corpo desnutrido, case sen vida? É iso amor? É aceptación? Ou é acaso covardía?
Inda son quen de lembrar os teus ollos brillantes, alumeados polo desexo de vivir e acadar as túas metas. Loita, loita por quen amas e polos teus propósitos como un día fixeches. Valórate
e se íntegro a ti mesmo.
Simplemente... Ámate.

Entrega de agasallos do Concurso de Cartas de Amor e Amizade do ENDL (I)

O pasado venres día 11 tivo lugar na nosa Biblioteca a entrega do premio do Concurso de Cartas de Amor e Amizade, organizado polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do noso Centro.

A gañadora do concurso resultou ser Marta León, de 4º ESO, cunha carta cuxo texto publicaremos neste blog proximamente.

Polo de agora, deixámosvos unhas fotos do acto:




9/12/15

Concienciar da diversidade: a cegueira

O pasado venres día 4 a Biblioteca acolleu unha actividade organizada polo Departamento de Orientación, en colaboración coa propia Biblioteca.

Recibimos a agradable visita da psicóloga Mª Emma Mayo Pais, quen explicou ós alumnos de 1º da ESO as particularidades da vida cotiá das persoas cegas: como se orientan, como escriben, como empregan os dispositivos móbiles e informáticos...

O alumnado recibiu as súas explicacións con moito interese e curiosidade.

Ademais, Emma deixou de agasallo na Biblioteca varios exemplares de alfabetos braille, e tamén un caderno dos que empregan as persoas cegas para tomar notas rápidas (pautas).

Aquí deixamos o noso agradecemento a Emma, Susana Blanco (Dpto. de Orientación), Ramón Beltrán e Manuela Carballude (titores de 1º ESO).

Tamén incluímos unhas poucas fotografías da actividade: