Mostrando entradas con la etiqueta Exposicións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Exposicións. Mostrar todas las entradas

12/5/19

Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas

Durante esta quincena, a nosa Biblioteca quérese sumar á homenaxe que a cultura galega fai á figura de Antonio Fraguas, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Con tal motivo, e como cada ano por estas datas, elaboramos unha presentación divulgativa sobre o homenaxeado, que proxectaremos durante os recreos.

Tamén expoñeremos, nunha mesa situada nun lugar preferente, varias das obras de Fraguas coas que contamos entre os nosos fondos.

Aquí deixamos a presentación:


14/1/19

Exposición: 500 anos da morte de Leonardo da Vinci

Este ano 2019 cúmprense 500 anos da morte do xenial artista italiano Leonardo da Vinci.

Con tal motivo, a nosa Biblioteca preparou unha exposición temática na que se repasan as súas principais obras pictóricas, ademais de mostras de páxinas dalgúns dos seus manuscritos.

Esta exposición pódese visitar no corredor longo do segundo andar do noso Centro, e tamén, en formato de presentación dixital, nos recreos desta vindeira quincena na nosa Biblioteca.

Aquí a deixamos, xunto cun pequeno vídeo (que non se ve moi ben, así que o mellor será que vaiades ver a exposición in situ).


14/5/18

Día das Letras Galegas: Mª Victoria Moreno

Durante esta vindeira quincena, a nosa Biblioteca homenaxea a María Victoria Moreno, autora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas.

Por unha banda, expoñeremos en lugar preferente unha escolma dos títulos que dela posuímos dentro dos nosos fondos.

Pola outra, proxectaremos, durante os recreos, unha presentación informativa sobre a súa figura.

17/10/17

Moble novo

Desde principio de curso contamos cun moble novo: un andel alto onde colocamos algúns fondos que consideramos especiais polo seu formato. Nos máis de 30 anos de vida do Centro, a Biblioteca foi acumulando algunha que outra xoia.


Convidámosvos a botarlle unha ollada, pois nel hai materiais que suscitan a curiosidade.

3/12/15

A nosa homenaxe a Xosé Neira Vilas

Como é ben sabido, o pasado día 27 de novembro faleceu Xosé Neira Vilas, escritor e persoa comprometida ao 100%  coa defensa da lingua e a cultura galegas.

Na nosa Biblioteca queremos sumarnos ás homenaxes que se lle están facendo en toda Galicia, e facémolo mediante dúas pequenas aportacións (unha delas de prestado):

 

 - Na mesa da entrada temos expostos varios exemplares de obras de Neira Vilas, entre eles unha 6ª edición de Memorias dun neno labrego (1976), que presenta a cuberta elaborada por Luis Seoane para a primeira edición (de 1961).



 

- Durante os recreos ven soando, xa desde hoxe á mañá, un podcast do programa de radio escolar que elaboraron as nosas compañeiras do Equipo de Biblioteca do IES Lamas de Castelo (Carnota), en colaboración cos alumnos de PDC de 4º ESO e outro persoal do Centro. Podedes escoitar este programa tamén aquí.





ATA SEMPRE, DON XOSÉ: QUEDA CONNOSCO A SÚA OBRA E A SÚA PERSONALIDADE

20/11/15

A Relatividade rula!




O pasado mércores tivemos na Biblioteca a agradable visita dos alumnos de 2º curso do Ciclo de Instalacións Eléctricas e Automáticas, que viñeron acompañados dos seus profesores Ramón González e Juan Díaz. Viñan ver a exposición que organizamos sobre os 100 anos da publicación da Teoría da Relatividade Xeral.

Botaron unha ollada ós libros da exposición e vimos dous documentais sobre Albert Einstein e a Relatividade:
     - un está incluído no DVD nº 6 da colección Grandes genios e inventos de la Humanidad, de editorial Océano, que se conta entre os fondos da Biblioteca.
     - o outro pódese atopar en Youtube: trátase dunha curtametraxe animada sobre o tema, e que deixamos aquí:





Ó remate das proxeccións, o profesor Ramón González respondeu a algunhas dúbidas que os rapaces manifestaron arredor do tema.

Por outra banda, recibimos con ledicia a nova de que a Biblioteca  do IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín) está a celebrar tamén o centenario da Teoría da Relatividade, e que están a proxectar a presentación que preparamos na nosa Biblioteca, e que estamos a exhibir durante os recreos.



16/11/15

Exposición temática: 100 anos da Teoría da Relatividade Xeral

Durante esta semana e a vindeira, a nosa Biblioteca conmemora o centenario da publicación, por parte de Albert Einstein, da Teoría da Relatividade Xeral.

Por unha banda, proxectaremos nos recreos unha presentación divulgativa sobre este fito da Ciencia (e que podedes ver máis abaixo nesta mesma entrada)

Ademais, exporemos na mesa da entrada unha serie de libros sobre o tema, tomados de entre os nosos fondos (e que podedes ver na fotografía de embaixo).

Ademais, no monitor con DVD integrado que temos, estará en reprodución continua un documental sobre Albert Einstein e as súas aportacións científicas.

Quedades todos convidados a pasar pola Biblioteca.




23/4/14

Exposición sobre Miguel Anxo Buonarroti

Durante este ano 2014 cúmprese o 450º aniversario da morte de Miguel Anxo Buonarroti, probablemente o artista de maior talla que ten dado a Humanidade.

Con tal motivo, a Biblioteca preparou unha exposición de 37 paneis en tamaño SuperA3 que fai unha panorámica, en orde cronolóxica, de toda a súa obra pictórica, escultórica e arquitectónica.

Podédela ver no corredor longo do segundo andar do noso Centro.

Que a disfrutedes.