Mostrando entradas con la etiqueta Proxeccións nos recreos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Proxeccións nos recreos. Mostrar todas las entradas

10/6/19

Recomendacións para as vacacións de verán

Está a piques de rematar o curso, e quizais nestas próximas semanas atopemos un oco para dedicarllo á lectura.

Por se ese é o caso, desde a Biblioteca facémosvos unhas recomendacións, organizadas por sectores da nosa comunidade educativa.

Lembrámosvos que podedes levar en préstamo para o verán calquera título dos nosos fondos (non só os que recomendamos aquí), co compromiso de devolvelo nos primeiros días de setembro.

Con isto rematan as actividades da Biblioteca por este curso. Desexámosvos que teñades un lecer pracenteiro e produtivo.

12/5/19

Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas

Durante esta quincena, a nosa Biblioteca quérese sumar á homenaxe que a cultura galega fai á figura de Antonio Fraguas, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Con tal motivo, e como cada ano por estas datas, elaboramos unha presentación divulgativa sobre o homenaxeado, que proxectaremos durante os recreos.

Tamén expoñeremos, nunha mesa situada nun lugar preferente, varias das obras de Fraguas coas que contamos entre os nosos fondos.

Aquí deixamos a presentación:


23/4/19

Presentacións nos recreos: Cómic e Historia

O noso compañeiro e membro do Equipo de Biblioteca Ramón X. Beltrán Carballeira preparou unha presentación informativa sobre varios dos cómics cos que contamos nos fondos da nosa Biblioteca. Todos eles teñen temática e contido histórico.

Coa difusión deste documento pretendemos animar á lectura do cómic histórico, do cómic en xeral, e, en definitiva, de libros, que aínda resultan obxectos nos que se pode atopar saber e lecer.

Proxectaremos esta presentación durante os vindeiros quince días.

Podédela ver aquí:


8/3/19

Proxeccións nos recreos: Mulleres matemáticas

É ben sabido que, ó longo da Historia, o papel das mulleres en xeral, e no mundo da investigación científica en particular, non foi abondo recoñecido.

A nosa Biblioteca, mergullándose na rede, atopou unha presentación temática que incide, precisamente, neste aspecto, e nos axuda a coñecer mellor algunhas figuras femininas que contribuíron de xeito importante ó avance do saber matemático.

Logo de traducila ó galego e realizar algunha que outra adaptación, decidimos facela protagonista dunha proxección temática dentro dos recreos da nosa Biblioteca: a da quincena final deste mes de marzo.

Esperamos que vos agrade.

Velaquí:

10/2/19

Presentacións nos recreos: Arte urbana (II)

Recuperando un tema ó que prestamos atención hai xa algúns anos, imos dedicar os recreos da nosa Biblioteca, durante unha quincena, á arte que se pode ver nalgúns entornos urbanos, e que é elaborada por persoas que, comunmente, chamamos grafiteiros.

Aquí deixamos a presentación que imos proxectar estes próximos quince días. Vese ben, pero na pantalla da Biblioteca vese moitísimo mellor.

14/1/19

Exposición: 500 anos da morte de Leonardo da Vinci

Este ano 2019 cúmprense 500 anos da morte do xenial artista italiano Leonardo da Vinci.

Con tal motivo, a nosa Biblioteca preparou unha exposición temática na que se repasan as súas principais obras pictóricas, ademais de mostras de páxinas dalgúns dos seus manuscritos.

Esta exposición pódese visitar no corredor longo do segundo andar do noso Centro, e tamén, en formato de presentación dixital, nos recreos desta vindeira quincena na nosa Biblioteca.

Aquí a deixamos, xunto cun pequeno vídeo (que non se ve moi ben, así que o mellor será que vaiades ver a exposición in situ).


10/12/18

Recomendacións de lectura para as vacacións de inverno

Como cada ano por estas datas, desde a Biblioteca propoñémosvos unha serie de lecturas para os días de lecer que estamos a piques de comezar.

Tamén coma sempre, recomendamos dous libros (un en galego e outro en castelán) para os diversos sectores da nosa Comunidade Educativa, tendo en conta, maiormente, a súa idade: 1º e 2º ESO, 3º e 4 ESO, Bacharelato e Adultos, e mais Profesorado e P.A.S.

Por suposto, serven tamén como recomendacións para calquera que se achegue a este blog.

Con elas van, ademais, os nosos mellores desexos para estas datas.


12/11/18

Presentacións nos recreos: A íntima relación entre o libro e o cerebro

O noso compañeiro do Equipo de Bibloteca e profesor do Departamento de Xeografía e Historia, Ramón Xosé Beltrán Carballeira, preparou unha presentación para facernos reflexionar sobre a íntima relación que un cerebro sanamente exercitado ten coa lectura, desde varios puntos de vista.

Esta presentación será proxectada durante os recreos da nosa Biblioteca nesta quincena.

Convidámosvos a vir vela, ou, se non, aquí a tedes:


15/10/18

Proxeccións nos recreos: Arte abstracta

Comezamos as proxeccións temáticas deste curso nos recreos da nosa Biblioteca cunha presentación divulgativa sobre a arte abstracta, un fenómeno artístico e intelectual que definiu boa parte do século XX, que non hai tanto tempo deixamos atrás.

Esperamos que vos guste e que vos conte algo que non sabiades.

Aquí a deixamos:

11/6/18

Recomendacións para as vacacións de verán

Achégase o final de curso e, como cada ano, desde o Equipo de Biblioteca facemos unhas recomendación de lectura para estas próximas semanas de lecer.

Coma sempre, están clasificadas por sectores da nosa Comunidade Educativa.

Lembrámosvos que podedes levar en préstamo para o verán, non só os libros que recomendamos neste documento, senón calquera outro (ata tres), co compromiso de devolvelos nos primeiros días de setembro.

14/5/18

Día das Letras Galegas: Mª Victoria Moreno

Durante esta vindeira quincena, a nosa Biblioteca homenaxea a María Victoria Moreno, autora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas.

Por unha banda, expoñeremos en lugar preferente unha escolma dos títulos que dela posuímos dentro dos nosos fondos.

Pola outra, proxectaremos, durante os recreos, unha presentación informativa sobre a súa figura.

17/4/18

Presentacións nos recreos: Forges

O pasado 22 de febreiro morreu en Madrid unha das máis importantes figuras do humor gráfico español contemporáneo: Antonio Fraguas de Pablo, coñecido como Forges.

Na nosa Biblioteca queremos facerlle unha pequena homenaxe e, con tal motivo, proxectaremos unha presentación informativa sobre o seu labor, que inclúe unha ampla escolma das súas viñetas. Será durante os recreos desta segunda quincena do mes de abril

Quedades todos convidados a vir vela.


19/2/18

Proxeccións nos recreos: Entroido muradán

Durante as dúas vindeiras semanas, nos recreos da nosa Biblioteca, proxectaremos unha reportaxe fotográfica sobre o desfile de comparsas que tivo lugar o Domingo de Entroido na vila de Muros.



15/1/18

Algúns dos nosos cómics

No Equipo de Biblioteca estamos convencidos de que a banda deseñada é un excelente vehículo cultural. Como calquera lectura, é ben capaz de entreter e, asemade, formar.

Durante este primeiro trimestre do curso orientamos as nosas compras a renovar e actualizar esta sección da nosa Biblioteca.

E, a xeito de invitación a que veñades á Biblioteca para botarlles unha ollada ós cómics que posuímos, tanto ós novos como ós que xa levan tempo vivindo entre nós, gravamos este pequeno video, que ademais será proxectado durante esta vindeira quincena na propia Biblioteca:

  :



Os cómics que nel aparecen son os seguintes:

- La huella de Lorca, de Carlos Hernández e El Torres: reflexiona sobre o significado da vida, a morte e a obra de Federico García Lorca.

- Cuánta tierra necesita un hombre, adaptación dun relato de Lev Tólstoi a cargo de Martin Veyron: o título non precisa máis explicacións.

- En Italia son todos machos, de Luca de Santis e Sara Colaone: crónica, personalizada nun individuo, da represión da homosexualidade na Italia fascista.

- Burkamanía, de JacPé: selección de viñetas satíricas sobre o uso do burka por parte dalgunhas mulleres musulmanas.

- Valerosas (vol. 1), de Pénélope Bagieu: exemplos de mulleres que loitaron pola defensa dos seus dereitos.

- Arrugas, de Paco Roca: famoso cómic (adaptado ó cine de animación) sobre o drama do Alzheimer.

- Persépolis (4 vols.), de Marjane Satrapi: outro cómic ben coñecido, tamén adaptado ó cine, na que a autora conta as súas propias vivencias e, tamén, a súa pelexa polos dereitos das mulleres.

- El extranjero, adaptación da novela de Albert Camus por Jacques Ferrandez.

- Tres biografías: Marx, Freud, e Einstein, a cargo de Corinne Maier e Anna Simon.

11/12/17

Recomendacións para as vacacións de inverno (2017-18)

Durante estes días finais do trimestre, proxectaremos na Biblioteca, durante os recreos, unha presentación que recolle as nosas recomendacións de lectura para estes vindeiros días de lecer. Como cada ano, están distribuídos por niveles académicos e sectores da nosa comunidade educativa.

Os títulos seleccionados estarán tamén expostos nunha mesa destacada.

Aproveitamos para desexarvos uns felices días de descanso e unha boa entrada no ano que estamos a piques de estrear.



15/5/17

Día das Letras Galegas 2017: Carlos Casares

Durante esta vindeira quincena, durante os recreos da nosa Biblioteca, proxectaremos unha presentación divulgativa sobre Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Tamén faremos unha pequena exposición de libros do autor, na que aproveitamos, ademais, material elaborado e cedido polo Equipo de Biblioteca do IES Lamas de Castelo (Carnota)



Aquí deixamos a presentación:


20/3/17

Presentacións nos recreos: Sister Rosetta Tharpe

Durante estas vindeiras dúas semanas, nos recreos da nosa Biblioteca, proxectaremos unha presentación sobre a figura de Sister Rosetta Tharpe. Esta cantante, guitarrista e compositora estadounidense está considerada hoxe como unha das precursoras do rock and roll.

Foi unha muller que rompeu moldes: atreveuse a tocar a guitarra eléctrica (ata daquela considerada propia de homes), e creou unha mistura única unindo a tradición do gospel e a do rhythm and blues.

Por suposto, durante as proxeccións soarán cancións desta extraordinaria intérprete.

Aquí a deixamos



13/2/17

Nanocontos premiados na IX Recollida

Aquí deixamos os textos dos relatos premiados recentemente na IX Recollida de Nanocontos, organizada pola nosa Biblioteca.



16/1/17

Proxeccións nos recreos: "Donald In Mathmagic Land"

Durante esta vindeira quincena, nos recreos da nosa Biblioteca, proxectaremos a curtametraxe animada titulada, orixinalmente, Donald In Mathmagic Land, que se pode atopar cos títulos casteláns de "Donald en el País de las Matemáticas" e "Donald en el País de las Matemágicas".

Foi producido en 1959 polos estudos cinematográficos de Walt Disney, con guión de Milt Banta, Bill Berg e Heinz Haber, e dirixido por Les Clark, Joshua Meador, Wolfgang Reitherman e Hamilton Luxke.

A pesar de que ten case 60 anos, aínda resulta un espectáculo ameno e instrutivo, co que nos podemos achegar a unha disciplina tan abraiante como a das Matemáticas. E, polo que sabemos, leva moito tempo sendo empregada por un eito de docentes dese ámbito de coñecemento.

Aquí vola deixamos:


13/11/16

Presentacións nos recreos: Agustín Fernández Paz

En homenaxe a Agustín Fernández Paz, recentemente falecido, a nosa Biblioteca proxectará, durante os recreos desta quincena, unha presentación de elaboración propia sobre a súa figura e a súa obra.

Ademais, expoñeremos en lugar preferente algúns títulos deste autor cos que contamos entre os nosos fondos.

Quedades todos convidados a vir vela. Velaquí: