21/11/17

Un traballo elaborado na nosa Biblioteca nas VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Os vindeiros 2 e 3 de decembro celébranse en Santiago de Compostela as VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Durante eses dous días, os asistentes entran en contacto con docentes relacionados co traballo de Bibliotecas de toda Galicia para compartir experiencias.

Nesta ocasión foi seleccionado para ser exposto o proxecto "Atrevéndonos a valorar o valioso", levado a cabo, nunha modalidade interdisciplinar e intercentros, no noso IES e máis nos CEIPs Pepe de Xan Baña (Santa Comba) e Felipe de Castro (Noia).



A parte do noso centro foi coordinada polo profesor Xosé Cabido Pérez, dentro da materia de Valores Éticos de 3º ESO.

Durante a elaboración do traballo empregáronse os recursos da Biblioteca do Centro, e o resultado materializouse en varios videos e un libro-compilación de todos os labores realizados. Tamén levaron adiante, a xeito de diario de travesía, un blog, do que deixamos aquí a ligazón.

Desde o Equipo de Biblioteca queremos facer chegar os nosos parabéns ó profesorado e alumnado implicados, e aproveitamos para lembrar que esta é a segunda vez que un proxecto levado a cabo no ámbito da Biblioteca do Centro é seleccionado para a súa exposición pública no ámbito das Bibliotecas Escolares, logo de que no ano 2011 fósemos ós Encontros de Bibliotecas Escolares a falar dunha exposición temática que, en colaboración co alumnado, fixeramos sobre o mundo do manga.

No hay comentarios: