Para calquera que se achegue á poesía galega do século XX queda claro que con Manuel Antonio a contemporaneidade chega á literatura do noso idioma. Plenamente integrado nas correntes de avangarda dos anos 20, a pesar da súa ceda morte (1900-1930), foi quen de producir unha poderosa síntese entre a súa experiencia vital como mariñeiro e a súa vocación poética. E iso que o tema podería prestarse a unha poética máis doada e previsible: mais Manuel Antonio levaba dentro de si, como os vellos mariños descubridores, a capacidade de abrir novos camiños. Vexamos, no seguinte exemplo, cómo expresa o poeta os seus sentementos ó navegar: entre outras cousas, a percepción de non estar en ningún lugar definido, en ningún tempo concreto, e só sentir o mar, e sentir que forma parte da inmensa e eterna irmandade dos que andaron polo mar antes ca el:
Troqueles reiterados
o reloxe o o Sol
alcuñaron moedas efímeras
que repetían todas
a mesma cara e a mesma cruz
A costa e o Mar
escamotearon unánimes dorsos
permutadores da mesma
lonxincua evasión
Temos un estrangoado diagrama
repasado por tódolos nobelos do horizonte
que viraron a proa e a Rosa dos Ventos
Na fasquía dos barcos anónimos
postos a flote pola madrugada
estraviados no roteiro do serán
persistiron sempre
a mesma foula e o mesmo ronsel
Ese intertroque de radiogramas
que reeditaron os faros e as estrelas
dounos a multiplicación monótona
das mesmas letras do mesmo morse
¿Foi a derradeira rafega de vento
quen nos desfollou de tódalas lembranzas?
O Mundo
que xa non sabe
máis que repetir unha volta consabida
rachou clandestinamente
as follas imprevistas dos almanaques
Cas nosas mans suicidas
espallaremos no carroussel dos ventos
os catro puntos cardinaes
Mentras o timoel
arrumbará proa a Ningures
Repetirémo-los cansos corazóns
cronometrando monotonías
Nas velas indecisas
follea o vento dun indelébel
álbum de leitmotivs
O minuteiro
(tic tac)
asumeu o compás das travesías
(De catro a catro, Travesía)
Quizais a literatura galega segue a agardar por quen, como Manuel Antonio (e por empregar u nha das súas palabras favoritas), deixe tras de si novos ronseis.
ALFONSO BLANCO