Aproveitando a entrega das notas ós alumnos, o Equipo de Biblioteca quixo rematar este primeiro trimestre co acto, tamén de entrega, dos tres premios do I Concurso de Nanocontos. Como lembraredes, tratábase de crear relatos de extensión limitada a 100 palabras como máximo.
Os membros do xurado, todos eles pertencentes ó Equipo, fallaran xa os gañadores, mais decidiran non abrir os sobres que contiñan a identidade dos autores dos relatos. Pretendían aumentar a sorpresa dos asistentes, dos premiados, e tamén deles mesmos.
E sorpresa houbo, e máis da que se agardaba. Pero vamos por partes, como diría Jack o Destripador.
Os presentadores, Mónica Souto e Paco Vázquez, introduciron o acto salientando a participación, que chegou ata un 12% da matrícula (non demasiado pouco para unha primeira edición), e citando algúns argumentos de relatos concursantes.
Logo de abrirse o primeiro sobre, correspondente ó terceiro premio, resultou gañador Mario Martínez Lago, quen obtivo un exemplar do famoso comic
300, de Frank Miller.
O segundo premio foi para Libertad Romero, quen recibiu un reproductor mp3.
E cando se desvelou a identidade do gañador, resultou ser... un profesor. O xurado, paralizado nun primeiro momento, reuniuse de forma espontánea, ante o público, e decidiu declarar deserto o primeiro premio (un reproductor mp4). A razón é que, aínda que non se especificaba nas bases, o concurso, como debía resultar evidente para todos, ía dirixido ós alumnos, xa que un dos obxectivos básicos do Equipo de Biblioteca é favorecer a partipación dos rapaces en actividades creativas. Polo tanto, á volta destas vacacións volveremos convocar o concurso para outorgar o primeiro premio, e xa desde agora especificamos que só poden participar alumnos de calquera sexo, con exclusión dos xa premiados (Mario Martínez e Libertad Romero). ¿Queda claro?
2 comentarios:
Podiades publicar aquí os Relatos premiados¡¡¡
Un Saudo
¿Cando se pecha o plazo para a nova entrega de relatos?
Publicar un comentario