25/11/08

40 anos: tanto e tan pouco

Este ano cúmprense 40 desde a estrea da película 2001: Una odisea del espacio (2001: A Space Odyssey). O argumento e guión foron elaborados polo cineasta Stanley Kubrick e o novelista Arthur C. Clarke a partir dun relato deste último titulado The Sentinel ("O centinela"). A medida que se desenvolvía a rodaxe, o escritor ía completando unha versión novelística, que completa algúns aspectos presentados no film. Quizais iso foi o que motivou os desencontros producidos entre os dous artistas, que finalmente non tiveron maiores consecuencias.



Tanto a película como a novela propoñen unha reflexión sobre o lugar da especie humana nun Universo que naqueles anos 60, nos principios da carreira espacial, xa se revelara como inmensamente enorme. As vellas preguntas "quen somos, de onde vimos, cara onde vamos": nada orixinal. Mais tampouco se trata diso; no fondo, nunca se tratou diso na arte, mais iso é outro tema.
Como moitas boas novelas, ten varias lecturas. Da máis filosófica xa falamos; se non tes tanta gaña de romper a cabeza, quizais te chame a atención a capacidade visionaria do(s) autor(es): por poñer un só exemplo, os ordenadores fan algunas cousas que en 1968 podían parecer incribles, pero que hoxe son realidade, como o envío de datos a distancia (ou sexa, internet), e tamén a xestión de complexas actividades mecánicas. O certo é que Arthur C. Clarke estaba en contacto directo coa NASA, que lle facilitaba información sobre as liñas de investigación en marcha: el engadiu unha fértil imaxinación: por iso describe con tanto detalle os problemas cotiáns que tería vivir sen gravedade, por exemplo. É certo que noutros eidos do avance tecnolóxico aínda non chegamos ó que se describe na novela... pero iso é mellor que o descubras ti mesmo. Só pensa que a conquista do espacio non seguiu nestes 40 anos o ritmo tan acelerado co que principiou.

E, se antes ou despois da novela (que temos na nosa Biblioteca, por suposto), te decides pola película, dúas recomendacións: paciencia (ó mellor o seu ritmo é demorado de máis para ti) e relax para poder disfrutar dun espectáculo visual impropio dunha época na que o cine era máis artesanal que agora; a pesar diso, creo que ningún film destes últimos anos realizado con apoio dixital mellora o resultado deste fito indiscutible da historia do cine.







LER + MIRAR + OÍR = APRENDER E SER
ALFONSO BLANCO

No hay comentarios: