24/4/13

Donación de Mª José Mayo Maneiro no Día do Libro

Non se pode dicir que a nosa Biblioteca teña una gran cantidade de usuarios entre a nosa comunidade educativa que nos amosen amor pola lectura.

Pero hai unha persoa que, desde que chegou ó noso Centro, atopou un dos seus lugares na nosa Biblioteca. Mª José Mayo Maneiro é unha gran lectora, cun ben desenvolvido espírito crítico, e tamén unha boa coñecedora do mundo do libro. Máis dunha conversa con ela nos ten axudado a escoller novas adquisicións para os nosos fondos.

Mª José está a piques de rematar 2º de Bacharelato, e por iso estamos a punto de perdela como alumna. Mais na memoria desta Biblioteca sempre haberá sitio para ela, entre outras cousas polo agasallo que nos fixo onte, Día do Libro (mellor data, imposible): fíxonos entrega de 13 libros, entre os cales, se contan, por exemplo, cinco novelas da saga Xogo de tronos, na súa edición orixinal en inglés.

A esta mostra de agarimo queremos corresponder con esta entrada no blog. Ademais, e como veredes nunha das fotos que incluímos, cada un dos libros doados levará, xunto co número de rexistro correspondente, unha nota co seu nome, para que mesmo quen non a coñece, saiba dela e da súa paixón polos libros e a lectura.

Mª José: quedámosche moi agradecidos e que che vaia sempre moi ben. Lembra: vémonos nos libros


No hay comentarios: