
Candido Pazó, autor teatral, guionista, contacontos, actor e director de escea, compuxo esta pequena obra teatral na que os personaxes son animais e elementos da natureza. Pode ser un achegamento divertido ó noso entorno natural máis directo: ¿cando foi a última vez que te fixaches nunha ra? Nesta obriña coñecerás a estes bichiños algo máis de preto... e se cadra ris un chisco.

Nesta novela con entorno adolescente, Fernández Paz continúa a súa andaina polo xénero narrativo, ben coñecido del. A trama xira arredor dun descubrimento intrigante que unha rapaza, Sara, fai sobre a vida pasada da súa avoa. O que o autor che propón é que vaias debullando o misterio ó mesmo tempo que a protagonista. Só un consello: non te escandalices por nada, que non é san.

Toda antoloxía é unha escolma. Luciano Rodríguez acolle nesta selección de poesía galega so s. XX o que lle resulta máis representativo da época máis recente da literatura galega. No libro danse cita ata 38 poetas en galego, e cubre todo o século pasado, desde autores nacidos mesmo no XIX, ata poetas en activo hoxe en día.

O Departamento de Física e Química deste Centro vén de depositar nesta Biblioteca un conxunto de libros de texto das súas materias que abranguen todos os cursos da ESO e o Bacherato nos que se imparten. Pertencen ás principais editoriais de libros de texto que traballan na actualidade. Lembra que os tés á túa disposición aquí no caso de que o perderas, esqueceras e, sobre todo, che faga falta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario