22/12/08

Entrega de premios do I Concurso de Nanocontos

Aproveitando a entrega das notas ós alumnos, o Equipo de Biblioteca quixo rematar este primeiro trimestre co acto, tamén de entrega, dos tres premios do I Concurso de Nanocontos. Como lembraredes, tratábase de crear relatos de extensión limitada a 100 palabras como máximo.
Os membros do xurado, todos eles pertencentes ó Equipo, fallaran xa os gañadores, mais decidiran non abrir os sobres que contiñan a identidade dos autores dos relatos. Pretendían aumentar a sorpresa dos asistentes, dos premiados, e tamén deles mesmos.
E sorpresa houbo, e máis da que se agardaba. Pero vamos por partes, como diría Jack o Destripador.

Os presentadores, Mónica Souto e Paco Vázquez, introduciron o acto salientando a participación, que chegou ata un 12% da matrícula (non demasiado pouco para unha primeira edición), e citando algúns argumentos de relatos concursantes.
Logo de abrirse o primeiro sobre, correspondente ó terceiro premio, resultou gañador Mario Martínez Lago, quen obtivo un exemplar do famoso comic 300, de Frank Miller.

O segundo premio foi para Libertad Romero, quen recibiu un reproductor mp3.

E cando se desvelou a identidade do gañador, resultou ser... un profesor. O xurado, paralizado nun primeiro momento, reuniuse de forma espontánea, ante o público, e decidiu declarar deserto o primeiro premio (un reproductor mp4). A razón é que, aínda que non se especificaba nas bases, o concurso, como debía resultar evidente para todos, ía dirixido ós alumnos, xa que un dos obxectivos básicos do Equipo de Biblioteca é favorecer a partipación dos rapaces en actividades creativas. Polo tanto, á volta destas vacacións volveremos convocar o concurso para outorgar o primeiro premio, e xa desde agora especificamos que só poden participar alumnos de calquera sexo, con exclusión dos xa premiados (Mario Martínez e Libertad Romero). ¿Queda claro?

16/12/08

Entrega de Premios ós Mellores NANOCONTOS




5/12/08

Eros (II)

Onte, no segundo recreo (12:10 a 12:30), tivo lugar a segunda e derradeira sesión da serie Lecturas en Vivo, dedicada a un fragmento do diálogo O Banquete de Platón. Por iniciativa do profesor de Filosofía Emliano Morenza (tamén membro do Equipo de Biblioteca), catro alumnos de 2º de Bacharelato escenificaron unha pasaxe do devandito diálogo, interpretando os papeis dos personaxes que Platón fixo protagonistas do diálogo: Agatón, Alcibíades, Erixímaco e Sócrates. O coordinador do Equipo de Biblioteca, Alfonso Blanco, preparou a escenografía e actuou de narrador.
O que pretendiamos, coma sempre, era achegar textos a un público de alumnos e profesores, para lembrarlles que a lectura é a base da nosa formación, e que hai multitude de libros, mesmo escritos hai máis de 2.000 anos, agardando por nós para proporcionarnos aprendizaxe e pracer (prodesse et delectare, como dicía, hai tamén 20 séculos, o poeta latino Horacio).
Velaquí as fotografías desta segunda xornada. Á volta delas seguímosvos falando.

Na foto enriba podedes ver, de esquerda a dereita, a Alfonso Blanco (Coordinación de Biblioteca, escenografía e narración), Ana Martínez (Agatón, anfitrión do simposio), Matías Cantorna (o político e xeneral Alcibíades), Mario Martínez (o filósofo Sócrates), María R. Fiuza (o médico Erixímaco) e Emiliano Morenza (autor da iniciativa).

Unha vez máis, o Equipo de Biblioteca quere dar as gracias a todo o público asistente e lembra a todos, alumnos e profesores, que poden, mesmo deben, animarse a contactar por nós para levar a cabo experiencias deste tipo. Como diciamos noutra ocasión:

VOSA É A PALABRA

VOSA É A VOZ

VOSA É ESTA BIBLIOTECA

3/12/08

Eros (I)

Hoxe, no 2º recreo, tivo lugar a primeira (de dúas) sesións de lectura dun fragmento do diálogo O banquete de Platón.
O acto, de novo nun ambiente esssspecccialll, rematou cun verdadeiro suspense, xa que o político e militar Alcibíades, deliberadamente, non revelou se a súa estratexia de achegamento erótico ó mestre e filósofo Sócrates rematou con éxito. Mañá, á mesma hora, volveremos viaxar á Atenas do s. V a.C. para coñecer o desenlace deste conflicto amoroso.
¡Non o esquezades!: Mañá ás 12:10 na Biblioteca.





28/11/08

Lecturas en Vivo (II): PLATÓN


Continuamos coa serie de Lecturas en Vivo. Nesta ocasión, por iniciativa do profesor Emiliano Morenza (tamén membro do Equipo de Biblioteca), a vindeira semana uns alumnos de 2º de Bacharelato escenificarán un pequeno fragmento do diálogo O banquete, de Platón. Estades todos convidados.

27/11/08

Novidades Novembro (III)




Este manual évos unha ferramenta útil a alumnos e profesores para adquirir coñecementos propios da actividade físico-deportiva: conceptos básicos de anatomía, ou como realizar un quentamento, ou como se poden traballar os fundamentos básicos dun deporte, con propostas de exercicios. Ademais, inclúe CD-ROM.






Miguelanxo Prado, debuxante e guionista de comics apreciado, entre outros, por Steven Spielberg, pon en xogo a súa imaxinación e a súa capacidade plástica ó servicio dunha historia que ilustra unha serie de conductas típicas de moitos galegos, e que teñen que ver cunha certa obsesión pola propiedade inmobiliaria, tema tan de moda nos últimos anos na nosa sociedade. O propio autor tivo a xentileza de dedicarnos este exemplar.




Estes tres volumes titulados en conxunto ¿Sabes quién? constitúen un acceso rápido a coñecementos puntuais de cultura xeral. A fórmula consiste nunha serie de preguntas tipo ¿Sabes quién compuso la sinfonía más famosa de la historia de la música?, que de seguido son contestadas de xeito breve e acompañadas de ilustracións en cor. Inclúe, para non perdérmonos, un índice alfabético dos personaxes históricos que se citan.

Novidades Novembro (II)





A colección “Que me dis de...” da editorial Nova Galicia pasa revista a unha serie de contidos importantes para medrarmos en conductas sas para nós mesmos, os demáis e o noso entorno. Son libros con abondosas ilustracións e textos breves, que se prestan tanto para a lectura individual como para o traballo na aula sobre temas como os estados de ánimo, os dereitos humanos, a alimentación e a hixiene ou o medio ambiente.






Neste mundo noso os cambios na situación política global (e, polo tanto, na Historia), están á orde do día. Por iso agradécese a edición dun libro de consulta como este, no que podemos consultar de maneira rápida calquera dato concreto que precisemos sobre aparición-desaparición de países, cambios nos réximes políticos, ou mesmo protagonistas deses procesos.