12/12/14

Unha "librárbore" no IES Fontexería

De cando en vez podemos escoitar que se teñen derrubado moitas árbores para elaborar papel, co que á súa vez se fan os libros.

Hoxe comprobamos que a circunstancia contraria tamén se dá: cos libros pódese construír unha árbore, aínda que as súas pólas, follas e froitos non sexan estritamente vexetais.

A nosa compañeira María Mansilla, do Departamento de Lingua e Literatura Galegas, tivo a idea; nela foi secundada por Gloria Bouzas (P.A.S.) e a nosa Vicedirectora e membro do Departamento de Inglés Adelina Rodríguez. Algúns dos libros, verdes case todos eles, proceden da nosa Biblioteca, como se pode apreciar polas etiquetas dos cantos.

Como debe ser ben sabido, o Nadal cristián toma máis dun elemento das relixións pagás: a extensión das novas crenzas contra o final do Imperio Romano e os inicios da Idade Media en Europa non foi quen de eliminar mitos e ritos de tradición secular entre a xente. Neste senso, parece que o ornato de árbores de folla perenne ten sido un costume de antigos exipcios, xudeos, e tamén dos pobos xermánicos de Escandinavia; e este hábito pretendía simbolizar e celebrar a perdurabilidade da vida na época do ano na que estamos: a do solsticio de inverno (a "morte e resurrección" do Sol, coa noite máis longa do ano), e a do final dun ano solar co inicio doutro.

E así aproveitamos tamén para desexarvos unhas boas vacacións (se entre tanta viaxe, comida e agasallo hai un tempiño para ler -e aproveitar a lectura-, non será tempo estragado).

Velaquí unhas fotos da "librárbore":





No hay comentarios: