2/10/09

Reprinciamos

Cun chisco de retraso, pero aquí estamos de novo. Arrancamos o novo curso 2009-2010 con máis dificultades que o anterior, xa que o Equipo de Biblioteca dispón de menos tempo no seu horario para dedicarlle, e tamén somos un menos. En canto a recursos, sabemos oficiosamente que nos foi renovada a inclusión no programa PLAMBE da Consellería de Educación, o cal nos aleda e nos anima a continuar co traballo iniciado o curso anterior.
E serán necesarias gañas e ilusión, xa que temos bastante labor por diante. Como veredes nas fotografías incluídas máis abaixo, o espacio da nosa Biblioteca viuse ampliado uns 30 m2 gracias ó derrubo dunha parede medianeira. Ese novo "hábitat" destinarémolo a depósito de fondos de uso menos frecuente, e deixaremos na sala de lectura aqueles libros e outros materiais de emprego máis cotián. Velaquí as fotos:



Por outra banda, vimos de poñer a disposición dos usuarios un monitor de TV con reproductor DVD integrado. Así, mediante o uso de auriculares, poderanse consultar en sala os fondos audiovisuais de que dispoñemos, e que cada vez medran máis. Este é o aparello:


Polo de agora, pouco máis. Só podemos anunciar que temos a intención de continuar coa serie de actividades que puxemos en marcha o ano anterior, como as lecturas nos recreos, concursos de relato breve e de busca de "tesouros", exposicións temáticas, proxeccións nos recreos... E todo o que se nos ocorra; e, sobre todo, temos ganas de que vós, usuarios da Biblioteca, alumnos e profesores deste Centro, nos propoñades ideas e colaboredes na súa organización.

QUE TODOS TEÑAMOS UN FELIZ E LECTOR CURSO

2 comentarios:

Darabuc dijo...

Feliz curso e ilusión de reserva para esos inconvenientes de inicio.

Biblioteca IES Fontexería (Muros) dijo...

Moitas gracias. Agradécese calquera mostra de ánimo e aleda saber que hai alguén por aí. Moita sorte a todos os que estades nestas andainas.