4/6/09

Xornadas de Astronomía - Crónica

Tal e como anunciaramos, durante esta semana a nosa Biblioteca, por iniciativa de Ángeles Ramos, do Departamento de Física e Química, sumouse ás conmemoracións do Ano Internacional da Astronomía cunha exposición de material e tamén con proxeccións durante os recreos.


Os usuarios da Biblioteca puideron ver e manipular unha serie de obxectos alusivos ó tema que se expuxeron nunha mesa preto da entrada: un telescopio (aportado polo tamén profesor do Departamento de Física e Química José Manuel Chenlo, a quen aproveitamos para agradecer o xesto), varios libros ilustrados sobre temas vinculados á investigación do Universo (o big bang, os furados negros, a posibilidade da existencia de vida extraterrestre...), e un conxunto de mapas-guía de observación do ceo nocturno. Tamén se pegou no chan, protexido cun plástico, un plano da nosa galaxia, a Vía Láctea


Ademais, durante os recreos proxectáronse dúas presentacións, tituladas Sol de medianoche (na que se explica por qué nos polos o sol non se pón en determinadas épocas do ano) e Viaje con la NASA (coa que nos facemos conscientes do que significan as palabras "macrocosmos" e "microcosmos"). Tamén se exhibiron algúns fragmentos escollidos da famosa serie documental Cosmos, de Carl Sagan.

Velaquí algunhas fotografías:












A todos os que acudistes a estas actividades, moitas gracias. E lembrade que o Universo ha estar ahí para observalo durante este Ano Internacional da Astronomía e algún que outro eón máis.

Por certo, a web do Ano Internacional da Astronomía en España é http://astronomia2009.es. Nela pódense atopar noticias e material abondoso para achegarse a este fascinante tema.







No hay comentarios: